jueves, 26 de abril de 2018

VISITA AO SALÓN DO LIBRO

O xoves 12 de abril fomos de excursión a Pontevedra a visitar o Salón do Libro e, a continuación, ao Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

Cando chegamos ao Salón do Libro, as monitoras separáronnos en tres grupos (Infantil, 3º e 4º  de Primaria) e puidemos saudar á Orbil.

As rapazas e rapaces de 4º participamos nun obradoiro dunha escritora mexicana chamada María García Esperón, que nos contou distintas historias relacionadas co seu libro titulado "Copo de Algodón".


A través de contos, cancións e poemas trasmitiunos historias dos antigos aztecas. Chamounos moito a atención como se expresaba a través da palabra e dos xestos que empregaba para compartir os seus coñecementos de forma agradable, clara, amable e entusiasta.

No obradoiro, María lanzounos follas feitas de papel que tiñan escritas partes dun poema e mandóunolas ler a cada un a parte que nos tocara. Despois tivemos que escribir un pequeniño poema do que nos falara María sobre a natureza, os animais, o ceo azul de México etc. Os poemas lémolos en voz alta e pegámolos nunha árbore pintada nun papel. Desta maneira rematamos o obradoiro e, a continuación, fomos coa nosa monitora a facer un percorrido polo Salón do Libro.

Os rapaces e rapazas de 3º participamos nun obradoiro chamado "Zeltia" no que, guiados por "Madame Curie" e "Mérida", descubrimos un chisco das vidas de oito "Mulleres de conto", mulleres pioneiras nos tempos que lles tocou vivir.
O seguinte paso foi decidir cal desas mulleres elexiríamos para darlle forma a un orixinal  marcapáxinas, empregando goma eva e un elástico. Quedaron preciosos!


As monitoras, Alba e Antía, contáronnos durante a visita á exposición que, na ambientación e decoración deste ano, empregaron "fíos de cores" cunha dobre significación: primeiro, a de artellar un tecido (labor asociada ás mulleres) e segundo, ser "fío condutor" dos pensamentos e creacións de cada unha das distintas "mulleres de conto" que dan sentido e forma ao mundo dos libros.
Dixéronnos que este ano o Salón leva por título "Mulleres de Conto" e que se dedica a María Victoria Moreno (autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018), e que México é o país convidado; por iso, hai unha sala dedicada a escritoras mexicanas. 



No blog da Biblioteca podedes saber máis sobre o traballo que presentamos do noso centro.

https://oblogdemimi.blogspot.com.es/2018/04/participamos-no-xix-salon-do-libro-de.html

... E VISITA AO MUSEO

Despois de facer a visita ao Salón do Libro fomos ao Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Cando chegamos, as monitoras dividíronnos en varios grupos para poder ver mellor a exposición.

Neste museo puidemos ver restos da muralla medieval de Pontevedra e as maquetas do edificio. Estivéronnos falando que nós tiñamos moita vinculación coa época romana e ensináronnos unha espada romana e os esqueletos dun neno e dun home que foron descubertos cerca da ermida da Lanzada.

Miramos a exposición da Prehistoria feita cos clicks de Playmobil* e aquí tivemos que buscar distintos obxectos actuais que estaban "infiltrados".



Desta maneira rematou a xornada e voltamos ao cole. 

miércoles, 18 de abril de 2018

A toda MÁQUINAAAAA!!

O alumnado de 4º de Educación Primaria estivo traballando nas últimas semanas as máquinas,... as máquinas simples. 

Desfrutaron moito, pero máis á hora de poñer en práctica o estudado... Construíron coas súas mans dúas máquinas simples: unha panca (catapulta) e unha polea.
Deixamos proba do ben que o fixeron e do ben que o pasaron....





domingo, 15 de abril de 2018

MundAni (Mundo Animal)

Estas últimas semanas na aula de 3º estivemos aprendendo cousas novas sobre os animais, e que mellor forma de facelo que construíndo o noso propio xogo.

Primeiro tivemos que investigar sobre o animal que nos tocou e cubrir unha ficha de datos.







Despois con un pouco de axuda pasamos esa información ao ordenador para crear uns cromos.






Unha vez impresos tocou recortalos e pegalos para poder rematar de montar o cromo, e plastificalos para que nos duren moito tempo.






O seguinte paso custounos un pouco máis, foi inventar un nome atractivo para o xogo, pero finalmente en grupo pensamos que MundAni era o máis axeitado.




E co xogo xa montado chegou a parte máis divertida: XOGAR! E que mellor que facéndoo en gran grupo cos compañeiros/as?



Ah! Temos unha SORPRESA. Deixámosvos aquí o xogo para que se queredes "na casa" o imprimades e construades o voso.

Se tedes algúnha dúbida estaremos encantados/as de ensinarvos como se xoga.


miércoles, 11 de abril de 2018

RUTH MATILDA ANDERSON E NA PERCURA DO TESOURO

O venres 6 de abril, as alumnas e os alumnos de 3º e 4º de Primaria fixemos unha saída a Pontevedra.


Primeiro fomos ao Café Moderno para participar nun obradoiro, onde elaboramos un boneco articulado que representaba a un neno chamado Antón, fillo dun afiador deses antigos que percorrían as vilas para afiar coitelos, arranxar paraugas...

Gozamos, tamén, dunha visita guiada pola exposición fotográfica Unha mirada de antano de Ruth Matilda Anderson.



Esta fotógrafa, nada en New York, chegou ao porto de Vigo unha mañá de agosto de 1.924. 

Percorreu Galicia ata 1.926, a pé ou en carro, chegando a lugares de difícil acceso, e tomou miles de fotografías. Na exposición puidemos contemplar a vida, a paisaxe e os costumes galegos daquela época (traballos, vestimenta, festas...). 

Logo merendamos nunha sala do Café Moderno. Como chovía, a monitora e o monitor deixáronnos quedar alí ben quentiñas e quentiños.

Ao rematarmos, achegámonos ata a Sede Afundación para asistir ao musical Na percura do tesouro de Os Gaiteiros da Xistra. Ao tempo que presentaban instrumentos típicos da música tradicional galega como a requinta, o acordeón ou a zanfona, contáronnos a lenda da moura que, ao final, se converte nunha muller real cando o mozo co que fala, Xurxo, supera todas as probas que lle propón grazas á axuda dos seus amigos e, sobre todo, da súa amiga Sandra. Isto nos ensina a importancia do traballo en equipo e de que os tesouros non sempre son cousas materiais.


A nosa compañeira Alba tivo a sorte de que a escolleran para subir ao escenario. Vaia potra!


Gustounos todo moitísimo!

Pasámolo xenial!