Mostrando entradas con la etiqueta Robótica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Robótica. Mostrar todas las entradas

jueves, 20 de junio de 2019

MARTIÑO E O CAMIÑO

E igual que o curso vai chegando ao seu fin... o proxecto Martiño e o Camiño tamén remata despois dunhas cantas horas de investigación e diversión, somerxéndonos entre diferentes textos, experimentando coa robótica e descubrindo a Realidade Aumentada.

Pouco a pouco fomos superando cada unha das misións e agora queremos compartir convosco todo o traballo que realizamos, por iso se pulsades sobre a seguinte imaxe accederedes a un documento con todas as nosas tarefas.



miércoles, 19 de junio de 2019

MARTIÑO E O CAMIÑO. Unha bandeira para Martiño

Durante o proxecto `Martiño e o Camiño´, ocorréusenos que, para a súa peregrinación a Santiago, Martiño debería levar con el unha bandeira que o identificase. Así que, puxémonos mans a obra e deseñamos unhas bandeiras ven chulas que podedes ver neste documento:


Ademais, coa axuda dunha app de Realidade Aumentada chamada Quiver, conseguimos que esas bandeiras tomasen vida e ondeasen coma se fosen de verdade. Animádevos a facer vós a proba usando o pdf que aparece máis arriba!


lunes, 17 de junio de 2019

MARTIÑO E O CAMIÑO. Misión 4

Superadas todas as misións, Martiño preguntounos se seriamos quen de transformar esas rutas tan antigas do Camiño de Santiago, que investigamos na misión 2, en rutas transitables para robots:

Así que puxémonos mans a obra. En primeiro lugar, deseñamos as rutas en papel seguindo os códigos de Ozobot, ou mellor dito de `MartiñoBot´, pois finalmente personalizamos o noso robot coa imaxe de Martiño. Unha vez deseñadas en papel, tocou coller os robots e comprobar que estes funcionaban perfectamente sobre cada ruta e se lle podían propor a Martiño.

Comprobadas as rutas robotizadas, debuxámolas no mapa da Península Ibérica para pasar a última proba de deseño, que por certo foi todo un éxito.


Todos os retos conseguidos, e misión superada con éxito!!
Parabéns grumetes!!

miércoles, 12 de junio de 2019

Xeometría con fita adhesiva

Estes días, os rapaces e rapazas de 4º estamos traballando algúns conceptos xeométricos. Nesta ocasión, tocou traballar a medida de ángulos e, para iso, usamos un pouco de fita adhesiva de cores, uns rotuladores, as nosas mesas e o transportador de ángulos.

Colocar a fita foi moi divertido, xa que non sempre se pode usar a nosa mesa como caderno pero máis divertido foi ter que medir os ángulos en grupo. Ao principio, custounos un pouco pero finalmente, como o traballo en equipo se leva mellor, todos o fomos conseguindo.





















Posteriormente, para reforzar a medida dos ángulos, partimos do nome de Martiño, o noso compañeiro infatigable de aventuras durante este último trimestre, que nos animou a seguir buscando ángulos. 




martes, 11 de junio de 2019

MARTIÑO E O CAMIÑO. Misión 3

A misión 3 estaba directamente relacionada coa seguridade viaria en bicicleta xa que a Martiño se lle ocorreu facer unha das rutas do Camiño de Santiago neste medio de transporte. Para iso unha vez máis tivemos que facer uso do site de investigación onde aprendemos moito sobre elementos de seguridade, normas e sinais de circulación para finalmente crear un tríptico informativo.




Unha vez rematados os trípticos, tocou o momento de xogar co Bee Bot para resolver os retos cos que Martiño se atopou na vía. Foi moi divertido buscar o sinal que daba resposta ao reto proposto.


jueves, 6 de junio de 2019

A Pirata Mimi ensina as Illas Cíes

O alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria foi de excursión de fin de curso ás Illas Cíes. Esta visita permitulle contemplar cos seus propios ollos contidos traballados durante todo o curso, como a gran variedade de vexetación das illas, a diversidade de especies mariñas ou as graves consecuencias que tivo a catástrofe do Prestige para o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. 


Foi unha experiencia moi enriquecedora xa que as nenas e os nenos puideron comprobar en primeira persoa todos os datos recollidos nos meses anteriores. E, sobre todo, descubrir o lugar no que habita a Pirata Mimi, a encargada durante o curso de enviar tarefas e dar información ao alumnado de 3º e 4º.



Tamén houbo tempo para o desfrute e a ledicia de celebrar a recta final deste curso 2018 - 2019 en sintonía e boísima compañía.




Unha auténtica gozada!!!

martes, 7 de mayo de 2019

MARTIÑO E O CAMIÑO. Misión 2

Tras completar a primeira misión xa estabamos listos para continuar cos retos de Martiño, así que recibimos outra carta na que se nos pedía que investigásemos sobre 4 rutas do camiño: a Vía da Prata, o Camiño Francés, o Camiño Inglés e o Camiño Portugués. A cada grupo tocounos investigar sobre unha etapa diferente e descubrir que personaxe ou monumento era o máis relevante dese lugar. 

Descubrimos cousas ben interesantes e se vós tamén queredes descubrilas podedes consultar a misión 2 no seguinte enlace:

https://sites.google.com/view/o-camio-de-santiago/misión-2





jueves, 2 de mayo de 2019

MARTIÑO E O CAMIÑO. As lonxitudes do camiño

Como complemento á primeira misión e co fin de axudar a Martiño a elixir a ruta a facer para chegar ata Santiago, dende a área de mates estivemos buscando as lonxitudes de cada unha das rutas para rexistralas nunha táboa de datos e posteriormente convertelos nun gráfico de barras. 

A que agora é máis sinxelo tomar unha decisión? 


A ver que nos conta Martiño na seguinte misión!






jueves, 25 de abril de 2019

MARTIÑO E O CAMIÑO. Misión 1

Hoxe foi un día especial xa que recibimos a mensaxe dun novo amigo, MARTIÑO. 

Martiño é un rapaz que chegou a nosa biblioteca cun libro debaixo do seu brazo, O clan de Martiño de Roberto Rivas, Iván Bello e Ana Seoane que nos acercaron a historia de Barro dende a Prehistoria ata a actualidade. 


Grazas por este marabilloso regalo literario que fixo que Martiño e a súa familia quedasen a vivir na nosa biblioteca.

Nesta carta Martiño contounos con axuda de Mimi que ten un soño: realizar o camiño de Santiago. Así que pediunos axuda para descubrir esta ruta tan interesante a través dunhas misións que podedes coñecer na seguinte web:



A primeira misión consistiu en investigar sobre a orixe do camiño, as rutas existentes, os símbolos que o representan e guían aos peregrinos... Polo que con axuda dos nosos ordenadores e a través do traballo en equipo conseguimos completar esta misión.




sábado, 2 de junio de 2018

PROGRAMAMOS CON MBLOCK

Chámanse "Mbot" e son os robots que chegaron ao centro, dentro do Programa de Robótica Educativa en Primaria. Para a súa programación, úsase o software Mblock baseado en Scratch 2.0.

O alumnado de 4º de Primaria, dentro da área de ALFIN (de libre configuración do noso centro) desenvolveu prácticas de programación para coñecer o manexo destes robots.

Este é o material co que traballaron:



Unha actividade motivadora e ilusionante!




O seu reto foi programar os robots para os xogos de pistas que se ían desenvolver na Biblioteca do colexio e no Ximnasio, ademais da creación do holograma.

Finalmente... 
Reto conseguido!

CREAMOS UN HOLOGRAMA

Os nenos e nenas de 4º curso, no segundo trimestre, estivemos aprendendo a programar con Scratch nas clases de ALFIN. Primeriro foron retos sinxelos para coñecer o programa, pero propuxéronnos crear un "holograma" coa imaxe de Petra, que serviría para dar inicio a un proxecto sobre a Prehistoria e os Petróglifos, e aceptamos sen dubidar.



Fixemos a tarefa en pequenos grupos. Despois de rematar os hologramas, eleximos un para o proxecto e decidimos que Saray Gómez (de 4º A) sería quen lle daría voz a Petra.

 Estamos moi contentas e contentos do resultado.

Podedes acceder ao vídeo do holograma de dúas formas:

Premendo o seguinte enlace:
Ou ben, lendo o código QR cun dispositivo móbil ou tablet.

Se preparades unha pirámide de acetato para poñer sobre a vosa pantalla, poderedes aprecialo.


Queremos agradecer a Carlos Taboada e Enrique Mauricio, de Polocorreodovento, que nos concedesen autorización de uso da imaxe de Petra para facer posible este proxecto.



jueves, 26 de abril de 2018

... E VISITA AO MUSEO

Despois de facer a visita ao Salón do Libro fomos ao Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Cando chegamos, as monitoras dividíronnos en varios grupos para poder ver mellor a exposición.

Neste museo puidemos ver restos da muralla medieval de Pontevedra e as maquetas do edificio. Estivéronnos falando que nós tiñamos moita vinculación coa época romana e ensináronnos unha espada romana e os esqueletos dun neno e dun home que foron descubertos cerca da ermida da Lanzada.

Miramos a exposición da Prehistoria feita cos clicks de Playmobil* e aquí tivemos que buscar distintos obxectos actuais que estaban "infiltrados".



Desta maneira rematou a xornada e voltamos ao cole. 

miércoles, 18 de abril de 2018

A toda MÁQUINAAAAA!!

O alumnado de 4º de Educación Primaria estivo traballando nas últimas semanas as máquinas,... as máquinas simples. 

Desfrutaron moito, pero máis á hora de poñer en práctica o estudado... Construíron coas súas mans dúas máquinas simples: unha panca (catapulta) e unha polea.
Deixamos proba do ben que o fixeron e do ben que o pasaron....





viernes, 8 de diciembre de 2017

CONSTRUIMOS ROBOTS

Así redactaron nas clases de 4º curso a "noticia" desta tarefa coa que se iniciou o Proxecto de Robótica educativa no noso centro.

OS ROBOTS DE 4º.
As nenas e nenos de 4º do CEIP Amor Ruibal fixeron uns robots de material de refugallo. Cada un pensou o seu. Todos puxeron moito empeño e os robots quedaron moi ben feitos.
Hugo De La Fuente, 4º A

OS NENOS DE 4º DO CEIP AMOR RUIBAL FAN ROBOTS.
O proxecto comenzouse a primeira semana de novembro na área de ALFIN. Os robots fixéronse con deseños propios dos nenos e nenas e con material de refugallo.
David Castro, 4º A 

A continuación ofrecemos un vídeo-resumo con imaxes dos robots elaborados e do resultado da votación que se realizou entre o alumnado para saber das súas valoracións.
Un grandísimo traballo!!