miércoles, 11 de abril de 2018

RUTH MATILDA ANDERSON E NA PERCURA DO TESOURO

O venres 6 de abril, as alumnas e os alumnos de 3º e 4º de Primaria fixemos unha saída a Pontevedra.


Primeiro fomos ao Café Moderno para participar nun obradoiro, onde elaboramos un boneco articulado que representaba a un neno chamado Antón, fillo dun afiador deses antigos que percorrían as vilas para afiar coitelos, arranxar paraugas...

Gozamos, tamén, dunha visita guiada pola exposición fotográfica Unha mirada de antano de Ruth Matilda Anderson.



Esta fotógrafa, nada en New York, chegou ao porto de Vigo unha mañá de agosto de 1.924. 

Percorreu Galicia ata 1.926, a pé ou en carro, chegando a lugares de difícil acceso, e tomou miles de fotografías. Na exposición puidemos contemplar a vida, a paisaxe e os costumes galegos daquela época (traballos, vestimenta, festas...). 

Logo merendamos nunha sala do Café Moderno. Como chovía, a monitora e o monitor deixáronnos quedar alí ben quentiñas e quentiños.

Ao rematarmos, achegámonos ata a Sede Afundación para asistir ao musical Na percura do tesouro de Os Gaiteiros da Xistra. Ao tempo que presentaban instrumentos típicos da música tradicional galega como a requinta, o acordeón ou a zanfona, contáronnos a lenda da moura que, ao final, se converte nunha muller real cando o mozo co que fala, Xurxo, supera todas as probas que lle propón grazas á axuda dos seus amigos e, sobre todo, da súa amiga Sandra. Isto nos ensina a importancia do traballo en equipo e de que os tesouros non sempre son cousas materiais.


A nosa compañeira Alba tivo a sorte de que a escolleran para subir ao escenario. Vaia potra!


Gustounos todo moitísimo!

Pasámolo xenial!

No hay comentarios:

Publicar un comentario