O luns 4 de xuño, os rapaces e rapazas de 3º e 4º de Primaria fomos ao Concello a ver a exposición “As mans de Barro”.
En canto chegamos alí atopámonos con Celso, que estaba esperando para contarmos con ilusión e paixón unha das súas afeccións: a olería tradicional.
En primeiro lugar, explicounos como descubriu esta afección, e despois invitounos a subir á Sala de Exposicións onde nos contou moreas de anécdotas e curiosidades.
Celso contou que o barro se pode conseguir na natureza e que, tras esmagalo, peneiralo e botarlle auga, conseguimos a pasta para modelar; ata nos ensinou uns selos coas súas iniciais para gravar os seus traballos.
Despois fomos mesa por mesa descubrindo os seus traballos mentres nos dicía para que servían eses obxectos.

Por exemplo, Celso díxonos que as ÁMBOAS, eran os recipientes que usaban os romanos para transportar o viño. Ou que os MELEIROS eran botes para gardar o mel e que, para evitar que as formigas entraran nel, tiñan un reborde na metade do frasco que se enchía de auga.





Na exposición había moitísimos máis obxectos como: xerros, vasos, floreiros, pucheiros, botellas, porróns, moldes para facer ladrillos e tellas...
Ao rematar de contemplar todas as pezas que Celso recreou, vimos un vídeo que este habilidoso artesán utilizou como recurso para aprendermos como se cocen as pezas de barro.
A verdade é que foi unha gran exposición.
Unha auténtica gozada!
Moitísimas grazas!
Máis información no blog da Biblioteca:
No hay comentarios:
Publicar un comentario