viernes, 2 de noviembre de 2018

SAMAÍN 2018

    O Samaín chegou ao CEIP Amor Ruibal e os rapaces e rapazas de 4º crearon uns conxuros chulísimos para invocar ós monstros, facer bailar os vermes, resucitar os esqueletos...





    Ademais tamén crearon unhas catrinas colgantes que ben mostran a creatividade e boa man destes mozos e mozas.




martes, 30 de octubre de 2018

ENTREGA DO X PREMIO MIMI A MAMÁ CABRA

O venres 26 de outubro achegámonos ata a Nave da Música do Concello para asistir á entrega do X Premio MIMI a MAMÁ CABRA, unha banda que toca xenial. Alí estaban Harry, co violín, a gaita e o bombo, Tomi, voz cantante e guitarra e Iago, co ukelele baixo e unha coroa de cascabeis enganchada nun pé. 
Foi súper divertido, especialmente cando saiu o neno de 6º disfrazado de MIMI. Tamén súper emocionante porque puidemos ver, escoitar e cantar bonitas cancións co noso grupo musical favorito e sacar fotos no escenario con eles. Non o esqueceremos na vida!
Está moi ben isto do Premio MIMI porque podemos coñecer a persoas moi interesantes e simpáticas.

Moitísimos Parabéns, MAMÁ CABRA!

Moitísimas Grazas!



Máis información no blog de MIMI:

https://oblogdemimi.blogspot.com/2018/10/entrega-do-x-premio-mimi.html


jueves, 18 de octubre de 2018

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA PISCIS

Os nenos e nenas de 3º visitamos a exposición "Piscis" na que observamos distintas maneiras nas que se manifesta a auga. Plasmamos nuns debuxos as obras que máis nos gustaron.

viernes, 22 de junio de 2018

VISITAMOS O PARQUE ARQUEOLÓXICO DE CAMPO LAMEIRO

Como broche de ouro ao noso proxecto trimestral sobre os petróglifos, o xoves 14 de xuño, o alumnado de 3º e 4º de Primaria visitamos o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro. Tamén foron, noutro autobús, nenos e nenas de Infantil que saudamos no Parque entre unhas actividades e outras.
Dividíronnos en dous grupos, guiados un por Leo e outro por Fran, que nos axudaron a coñecer un pouco máis sobre a arte rupestre e as condicións de vida na Idade de Bronce con actividades e obradoiros súper interesantes e a mar de divertidos.

En "Arqueólogos e Arqueólogas por un día", aprendemos a facer calcos de petróglifos marcándoos nun plástico con rotuladores de cores e nun papel branco coa axuda dunha esponxa, papel de calco e herbas.
Evidentemente, eran réplicas de petróglifos feitas por arqueólogos do Parque, pois os petróglifos auténticos están ben protexidos e non os podemos tocar.

Os datos dos petróglifos tiñamos que anotalos nunha ficha técnica.

Visitamos logo unha reprodución a tamaño real dun poboado da Idade de Bronce con casas, un cerrado para os animais, un graneiro e un lugar de reunións no que entramos e comprobamos o espazoso que era. Barro seco, palla, xestas e madeira son os materiais básicos empregados nestas construcións.


A ruta continuou polo monte arriba para ver algúns dos petróglifos máis destacados con representacións de persoas cazando, animais, ferramentas, armas... Algúns gravados están moi gastados e míranse mellor no solpor ou no amencer; inclusive, os monitores dixéronnos que no verán hai posibilidade de facer visitas nocturnas. Estaría xenial vivir esa experiencia!




Unha actividade que causou grande admiración foi a "Exhibición de lume". A partir dun arco, un pau, un óso (para non facerse dano na man), unha folla e herba seca, os monitores lograron facer lume fretando o arco co pau. Foi chulísimo!



"Cerámica coas mans" é o título do obradoiro no que participamos no interior do edificio. Gustounos moitísimo moldear coas nosas propias mans un anaco de barro e facer cuncas e xerros que decoramos con cunchas, tapas de rotuladores e anacos de madeira con distintos sucos. Entregámonos con gusto e puxemos as nosas mans no barro con moi boa intención e moitísima atención, mais comprobamos que esta labor ten as súas dificultades pois sucedía que o barro rompía ou non lograbamos facer o que queriamos. Pero, claro, era a primeira vez e non podía saír perfecto. Seguro que a próxima saen mellor; é cousa de seguir probando e experimentando.


Visitamos, por suposto, o museo e puidemos ver un documental súper interesante sobre a Idade de Bronce que remataba, para sorpresa nosa, cuns petróglifos reflectidos no chan e na roupa.

Cerca de onde merendamos e comemos había un labirinto, inspirado nun petróglifo, no que puidemos xogar entrando e saíndo polos seus caminiños. Unha gozada!

Antes de despedírmonos, os guías regaláronnos uns carnets de expertos en petróglifos que nos garantizan visita gratuíta ao Parque durante este ano. Que sorte temos!


Pasámolo pipa!


Moitísimas grazas! ! !



lunes, 18 de junio de 2018

A PREHISTORIA!!!

Como proxecto neste terceiro trimestre estivemos traballando A Prehistoria nas Ciencias Sociais.
Investigamos, recollemos información, plasmámola a nivel plástico e escrito. Coa axuda das nosas titoras fixemos unha liña do tempo no noso corredor, engadimos un esquema coas ideas principais das tres etapas da Prehistoria (Paleolítico, Neolítico e Idade dos Metais) e elaboramos unha réplica dunha cova na que puxemos distintas pinturas rupestres realizadas con pigmentos naturais.

Aquí vos deixamos unha mostra fotográfica de todo o traballado neste proxecto:






domingo, 17 de junio de 2018

PROXECTO OS PETRÓGLIFOS

Grazas a un xogo de pistas sobre a Prehistoria proposto por Mimi, a mascota da biblio, os alumnos e alumnas de 3º comezamos a investigar sobre OS PETRÓGLIFOS.


Ademais a charla de Xesús Rodríguez Castro (http://amorruibalsegundociclo.blogspot.com/2018/05/o-pasado-24-de-abril-o-alumnado-de-3-e.html) tamén fixo que en nós prendese a mecha da curiosidade, así que puxémonos mans a obra e tras ver varios vídeos documentais, visitar diversas webs de parques arqueolóxicos e buscar información documental recollemos nun libriño un resumo de todo aquilo que aprendemos sobre os petróglifos.





Para rematar o proxecto e como non podía ser doutra forma fixemos un taller de petróglifos onde creamos os nosos propios. A que nos quedaron xenial?