Este ano o proxecto do centro baseouse na “Revolución”, tema proposto pola organización do XX Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra no que o alumnado de 3º e 4º de EP participamos tódolos anos.
Tendo en conta esta temática e que o autor homenaxeado neste Salón do Libro é Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, puxémonos a remexer entre os libros da biblioteca e tivemos a sorte de descubrir un libro moi divertido: Bolboretas no papel; un poemario no que se atopa o poema No país das bolboretas cadaquén fai o que lle peta e que nos pareceu do mais axeitado a temática deste ano.
Unha vez elixido o libro a partir do cal elaborar os nosos traballos o resto do proceso foi moi divertido. Primeiro comezamos pola lectura dos poemas, que foi do máis entretida grazas aos disparates que neles se poden ler. De feito se queres coñecer un cachiño deste libro podes escoitar uns audios que nos mesmos gravamos no seguinte enlace (site).
Despois puxémonos mans a obra e comezamos a crear os nosos propios poemas seguindo a fórmula proposta por Antonio G Teijeiro: “No país das bolboretas cadaquén fai o que lle peta... Esta foi unha tarefa un pouco difícil pero moi entretida na que puidemos botar a nosa imaxinación a voar. Pronto poderedes lelos na seguinte web: https://sites.google.com/view/as-nosas-bolboretas.
Canto máis traballamos con este poemario, máis curiosidade tiñamos sobre o seu autor, así que decidimos investigar sobre a súa biografía e crear unha liña da vida cos datos máis relevantes da mesma.
Finalmente e para que todos lle poñades cara a este orixinal poeta fixemos uns retratos do autor que nos quedaron ben xeitosos, va que si?.
No hay comentarios:
Publicar un comentario