As alumnas e os alumnos de 4º de primaria, continuando coa conmemoración do Día Internacional da Muller e dentro da actividade do noso cole "Do 8 ao 18", participamos en distintas charlas que vos contamos a continuación.
O luns 12 de marzo fomos á Biblioteca Pública a escoitar a Amelia e a Adorinda, unhas veciñas do noso Concello, que nos falaron da súa vida.
Adorinda García contou que naceu o 10 de agosto de 1934. Que foron cinco irmáns; a súa nai era de Moraña e o seu pai de Perdecanai. Estrañounos moito que nos dixo que daquela as mulleres non precisaban tanto colexio. Tamén dixo que os nenos e as nenas non xogaban xuntos e que había xogos para nenas que eran distintos aos dos nenos.
Amelia Cancela contou que naceu na Portela o 6 de abril do 1947 e que eran seis irmáns. Comentou que de pequena lle gustaba montar en bici e xogar á buxaina e que fora á escola ata os 12 anos. Falou de que na escola as rapazas e rapaces estaban en distintas aulas. Tamén dixo que as nenas tiñan unha mestra e os nenos, un mestre.
Amelia falou tamén da emigración. Na súa familia emigraron varios irmáns. Ela estivo en distintos países. Primeiro foi a Holanda e, dende aí, foi traballar a Bruxelas. Nunha viaxe de vacacións coñeceu en Barro ao que sería o seu marido. Despois de casada foi para Francia, logo volveu a Bruxelas e, pasados cinco anos, regresaron a Barro.
O xoves 15 de marzo fomos á Biblioteca do noso centro a escoitar a Lola García García.
Lola contou que estudou no noso colexio, o CEIP Amor Ruibal, e falou da súa experiencia de vida persoal e profesional como muller clarinetista. Comezou a tocar o clarinete grazas a súa nai, cando tiña oito anos. Polas tardes aburríase moito e a súa nai anotouna na Escola de Música de Barro.
Adícase profesionalmente ao mundo da música. Entre moitas das actividades que realiza está a de profesora de clarinete e clarinetista en obras de teatro. Ademais participa en concertos, homenaxes e incluso en anuncios publicitarios. Ten un grupo musical chamado Xonxas.
Deixámosvos unha mostra fotográfica destas actividades das cales desfrutamos, participamos e aprendemos moito.
Moitísimas grazas !