jueves, 30 de mayo de 2019

Levántase a sesión!!

A comezos do mes de maio, a xuíza Encarna convidou ao alumnado de 3° de Primaria a coñecer os xulgados de Caldas de Reis e presenciar un xuízo en directo.

Por suposto que aceptamos a invitación, e aló fomos. Ademais, aproveitamos para facer un percorrido pola Vila Termal e logo repoñer forzas no Xardín Botánico.

Unha vez máis, moitas grazas Encarna pola túa hospitalidade! 

Pasámolo xenial!



   

viernes, 24 de mayo de 2019

AS FAMILIAS CONTAN ...

Apenas comezara a mañá do mércores cando os alumnos e alumnas de 4º recibiron unha visita inesperada na Biblio do cole. Era Javier, o pai de Manuel que, tras meses en Mali co exército en misión humanitaria, viña reencontrarse con el. Foi un momento moi emocionante que os propios rapaces e rapazas describiron como unha experiencia chea de mimos, felicidade, cariño, amor, orgullo, recordos ... e como un auténtico regalo, non só para Manu senón tamén para eles e elas.


Tras ese reencontro, Javier dedicounos un tempo para falar da súa labor en terras africanas. Explicounos que alí o exército español colaborou na apertura de pozos de auga, de escolas e na distribución de alimentos, auga e roupa. Ademais, tamén amosou fotos e vídeos do seu traballo, incluso un vídeo do despegue desde dentro dun helicóptero e o pequeniño que se vía todo desde alí arriba. Pero... non todo era traballar senón que tamén precisaban descansar, así que dedicaban o tempo de lecer a xogos como o pau mareado ou o fútbol tenis. Que curioso, verdade?



Sen dúbida, esta foi unha experiencia que sempre permanecerá na nosa memoria. 


Grazas por facernos partícipes deste momento, FAMILIA!

jueves, 16 de mayo de 2019

Fermosas palabras!

Para celebrar o día das Letras Galegas, o alumnado de 3° curso creou un mapa de Galicia con algunhas das palabras máis fermosas da nosa lingua. Verbas tan agarimosas como imprescindibles.

Agardamos que estas actividades aporten o seu gran de area, para que o galego e a nosa cultura poidan seguir existindo.

                                            FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!!




sábado, 11 de mayo de 2019

IN DUBIO PRO REO!

Os nenos e nenas de 3° tiveron a sorte de recibir onte a Encarna, maxistrada do xulgado N° 1 de Caldas.

Durante a charla, aprenderon que a Constitución é a principal norma do ordenamento xurídico e que no Código Penal se recollen as condutas máis intolerables.

O que máis lles gustou foi escoitar como se leva a cabo un xuízo e, por suposto, probar a característica toga.


Para rematar, o alumnado agasallou á xuíza cunha taza de Mimi. Encantoulle!

Moitísimas grazas, Encarna!


martes, 7 de mayo de 2019

CIENTÍFICAS E CIENTÍFICOS EN PRÁCTICAS

Nesta ocasión, como verdadeiros científicos e científicas en prácticas que son, as nenas e nenos de 3º curso están experimentando para coñecer un chisco máis sobre a ciencia.

Estas experiencias estánlles permitindo converterse en grandes científicos/as. Aquí o podedes observar:




MARTIÑO E O CAMIÑO. Misión 2

Tras completar a primeira misión xa estabamos listos para continuar cos retos de Martiño, así que recibimos outra carta na que se nos pedía que investigásemos sobre 4 rutas do camiño: a Vía da Prata, o Camiño Francés, o Camiño Inglés e o Camiño Portugués. A cada grupo tocounos investigar sobre unha etapa diferente e descubrir que personaxe ou monumento era o máis relevante dese lugar. 

Descubrimos cousas ben interesantes e se vós tamén queredes descubrilas podedes consultar a misión 2 no seguinte enlace:

https://sites.google.com/view/o-camio-de-santiago/misión-2





viernes, 3 de mayo de 2019

Palabras máxicas!

Sen dúbida, escoitar uns  «bos días», «grazas», «perdón» ou «por favor»  dunha persoa cambia por completo a percepción que se ten sobre ela.

Isto aínda é máis importante nos nosos nenos e nenas, xa que aumenta o seu nivel de socialización e permite unha mellor convivencia. Para iso, o alumnado de 3° creou con elas unhas fermosas decoracións. Saben que

as palabras máxicas son como chaves que abren as portas ás demais persoas.


























jueves, 2 de mayo de 2019

MARTIÑO E O CAMIÑO. As lonxitudes do camiño

Como complemento á primeira misión e co fin de axudar a Martiño a elixir a ruta a facer para chegar ata Santiago, dende a área de mates estivemos buscando as lonxitudes de cada unha das rutas para rexistralas nunha táboa de datos e posteriormente convertelos nun gráfico de barras. 

A que agora é máis sinxelo tomar unha decisión? 


A ver que nos conta Martiño na seguinte misión!