O xoves 12 de abril fomos de excursión a Pontevedra a visitar o Salón do Libro e, a continuación, ao Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
Cando chegamos ao Salón do Libro, as monitoras separáronnos en tres grupos (Infantil, 3º e 4º de Primaria) e puidemos saudar á Orbil.
As rapazas e rapaces de 4º participamos nun obradoiro dunha escritora mexicana chamada María García Esperón, que nos contou distintas historias relacionadas co seu libro titulado "Copo de Algodón".
A través de contos, cancións e poemas trasmitiunos historias dos antigos aztecas. Chamounos moito a atención como se expresaba a través da palabra e dos xestos que empregaba para compartir os seus coñecementos de forma agradable, clara, amable e entusiasta.
No obradoiro, María lanzounos follas feitas de papel que tiñan escritas partes dun poema e mandóunolas ler a cada un a parte que nos tocara. Despois tivemos que escribir un pequeniño poema do que nos falara María sobre a natureza, os animais, o ceo azul de México etc. Os poemas lémolos en voz alta e pegámolos nunha árbore pintada nun papel. Desta maneira rematamos o obradoiro e, a continuación, fomos coa nosa monitora a facer un percorrido polo Salón do Libro.
Os rapaces e rapazas de 3º participamos nun obradoiro chamado "Zeltia" no que, guiados por "Madame Curie" e "Mérida", descubrimos un chisco das vidas de oito "Mulleres de conto", mulleres pioneiras nos tempos que lles tocou vivir.
O seguinte paso foi decidir cal desas mulleres elexiríamos para darlle forma a un orixinal marcapáxinas, empregando goma eva e un elástico. Quedaron preciosos!
As monitoras, Alba e Antía, contáronnos durante a visita á exposición que, na ambientación e decoración deste ano, empregaron "fíos de cores" cunha dobre significación: primeiro, a de artellar un tecido (labor asociada ás mulleres) e segundo, ser "fío condutor" dos pensamentos e creacións de cada unha das distintas "mulleres de conto" que dan sentido e forma ao mundo dos libros.
Dixéronnos que este ano o Salón leva por título "Mulleres de Conto" e que se dedica a María Victoria Moreno (autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018), e que México é o país convidado; por iso, hai unha sala dedicada a escritoras mexicanas.
No blog da Biblioteca podedes saber máis sobre o traballo que presentamos do noso centro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario